Sunday 05 de May de 2024

Rey Varela reivindica “a coordinación dos recursos autonómicos e locais” durante a sinatura dun convenio de colaboración para a mellora da escola infantil de Pontedeume


Ao abeiro do acordo, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegará ao Concello de Pontedeume unha cantidade máxima de 400.000 euros durante a anualidade de 2017

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou o convenio de colaboración co Concello de Pontedeume (A Coruña) para o financiamento das obras de mellora da escola infantil municipal. Na sinatura do convenio tamén estiveron presentes o alcalde do municipio coruñés, Bernardo Fernández Piñeiro, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.

Durante a firma do acordo, celebrada no Chalet Rosa que acolle a devandita escola infantil, Rey Varela subliñou a importancia “do diálogo e a coordinación dos recursos autonómicos e locais que posibilita a mellora da calidade de vida dos galegos e das galegas”. Proba desta colaboración xurde este convenio que, segundo o conselleiro, supón “o primeiro paso na reforma e ampliación da escola infantil de Pontedeume” que permitirá “unha mellor atención aos menores deste concello”.

Ao abeiro do convenio, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegará ao Concello de Pontedeume unha cantidade máxima de 400.000 euros durante a anualidade de 2017. A inversión total para a reforma e ampliación da escola será de 674.272,50 euros.